martes, 10 de febrero de 2015

SEMENTES QUE MEDRAN


               Pneumáticos que rodan pola rúa que vai da distancia ó esquecemento. No medio, catro obstáculos metidos nun soneto. A vida sempre ten que buscar aqueles recantos nos que non se sinta pecha, nos que se vexa que un raio de sol é coma un grillón escachado, roto. Berro seco na noite escura. Sorriso aberto no palleiro da sabedoría. Cans que corren detrás de pombas brancas e de pegas negras. E quedan as andoriñas aniñando nos faiados. Luz vermella no semáforo e boca aberta ante unha rula que cruza a rúa. Ás veces, un verso só enche todo un soneto. Os poemas sempre caen sobre o papel na postura en que o poeta os deita. A liberdade non se gana con catro palabras ben escritas. A liberdade gánase coa loita de cada día. Silencio roto pola treboada dun soño. Os soños acougan nunha almofada cando o merlo branco colle camiño das fronteiras. Queda a raiola coa porta aberta chorando bágoas de pena. Xa quixera o poema rematar cos sucos cheos. Pero hai sementes que medran máis alá das sebes, un chisco máis alá de calquera fronteira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario