Obdulia
Servidora entrou na cafetaría co típico saúdo de “boa tarde”, pero axiña corrixiu
cun “por dicir algo”. O día, a tarde non está para bromas. Pola mañá a neve
fixo acto de presenza e pola tarde foi o aire o que substituíu a aquela. Xa se
sabe que mentres neva non adoita facer moito frío, pero cando deixan de caer as
folerpas e se levanta aínda que só sexa unha pequena viruxe, o asunto xa cambia
de raio. E pola tarde vaia se cambiou! Incluso unha persoa que se atope
quentiña dentro da cafetaría sabe perfectamente a temperatura de fóra con tan
só ver a cara de Obdulia Servidora, a Muxica. A cara da Muxica amosaba signos
de case conxelación e os xestos eran dunha persoa que baduaba polo baixiño
sobre a temperatura do día de hoxe. Pediu un café e tivo a sorte de sentarse nunha
mesa que estaba pegada á cristaleira. Xusto nese momento as nubes abríronse, o
sol asomou o nariz e os seus raios acariñaron a face da Muxica. A expresión
desta cambiou; entrou en éxtase.
No hay comentarios:
Publicar un comentario