sábado, 14 de febrero de 2015

UN PAÍS DE ENTROIDO DIARIO



Hoxe é luns de entroido. Mañá, martes de entroido. O mércores tamén podía ser mércores de entroido. Creo que o noso é un pais de entroido diario. Queremos ser o que  non somos. E non digamos xa aparentar! Perdón, rectifico; todo iso é mentira. Os pobres sempre quixemos ser ricos e non houbo nin hai tu tía. Emporiso, os ricos que queren ser aínda máis ricos… conségueno!, son máis ricos! E saben presumir da súa opulencia! Quero poñer unha carauta de ricachón, pero próeme a pel por culpa da miseria. A outros nin tan sequera lle cae a cachos a pel da conciencia. Estes disfrázanse con coirazas de chulería e de poder, de moito poder. Vivimos nun entroido continuo. Carnaval de mortos en Ucraína. Felos de pacotilla no PSOE. Auténtica bacanal de ladroízo na Lista Falciani. E nós, os galegos, vemos como a nosa lingua nola queren vestir con catro trapos mal postos para que cumpra coa penitencia. A penitencia de perderse por dous despachos que non saben de que vai o tema. Entroido diario nunha sociedade, nun país que vive aletargado e acochado entre carautas, carantoñas, máscaras e que quere aparentar o que non é. Entroido de carrozas arrastradas polas corruptelas de políticos que nos marcan o camiño, que nos levan como ovellas ó matadoiro. Entroido de miserias… para os pobres. Entroido de bacanais… para os ricos. E non hai volta de folla.

No hay comentarios:

Publicar un comentario