Semella que hai por aí institucións que se dedican a buscar a
palabra máis significativa de todo o ano que se foi. Neste 2015 que acabamos de
deixar xa para o recordo, a campioa, logo da enquisa que se lle realizou a
unhas 1.700 persoas, foi a palabra “Refuxiado”. A verdade é que tal adxectivo
estivo moi de moda. Porque entraron na Unión Europea un millón ou máis de
refuxiados fuxindo dos conflitos bélicos. É unha pena que tal podio sexa para
unha acción tan negativa. Pero tamén, así a bote pronto, sei dalgunhas palabras
que están continuamente na boca de todos e, así mesmo, cun significado
negativo. As tres das que vou falar rematan en “ón”: emigración, subvención e
corrupción.
Emigración: quizais a maior e peor desgraza dun país. Cando
hai que emigrar… malo! Algo non funciona. A xente non se larga ós países
estranxeiros pola aventura. Como se adoita dicir, vaise por necesidade.
Subvención: outra que tal. Moi semellante á anterior. Cando hai que
subvencionar algo é porque o paisano non consegue subsistir. Penso nos
gandeiros. Recoñezo que, hoxe, sen as subvencións non saen adiante. Chega con
dicir que os animais que venden teñen o mesmo valor que tiñan máis ou menos nos
anos 60 e 70, que xa é dicir. E os produtos que mercan… non quedaron estancados,
non. Cada ano soben algo máis. Corrupción: que máis dicir. Nada. O mellor é
quedar en silencio, seguir comportándonos como pombos e asumir que temos unha
xustiza rañicas, de pacotilla.
Café O Chicote da Valenzá. Xoves, 31 de decembro de 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario