jueves, 9 de junio de 2016

A PROCESIÓN DOS SANTOS INOCENTES


            Quero ser a tella do tellado para contemplar desde as alturas a procesión dos santos inocentes, que marchan caladiños porque non saben que dicir. A inocencia asoma nas súas ás pintadas cunha cor verde que se volve vermella cando a bágoa dun xílgaro cae na pluma bendita do último inocente. Todos os anxos custodios se burlan dos santos inocentes porque pensan que estes son inocentes porque non saben ou non queren ser parvos. Hai almas retorcidas que nin tan sequera se endereitan entre dúas rectas ben curtas, ou entre as catro paredes dunha habitación cos seus ángulos rectos.
Quero ser santo inocente no son da campá do campanario da torre da igrexa de San Salvador de Baños de Molgas. Pero son anxo custodio na lápida que está máis ó sur do cemiterio parroquial. Alí teño que estar á espreita para que unha alma, calquera alma, non se desbande por entre as tumbas e os nichos das almas sen pena, ou dos corpos sen vida. Tres avemarías polo silencio dun berro e un nosopai polo berro dun sufrimento. Quero que me podreza a á esquerda para non asistir á procesión dos parvos de nacemento. Xa me chega ben que a inocencia, a miña inocencia toque a dó polos que se foron e nunca máis volverán. Quero ser pantrigo na mesa dun anxo custodio.


            Finca Fierro. Xoves, 9 de xuño de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario