jueves, 16 de junio de 2016

A VIDA É UN MISTERIO TAL...


            Tiro da corda para que tense, e o feixe dos pensamentos encóllese coma un asubío nun espazo cerrado.. A corda é de esparto; os pensamentos son de trapo. De trapo mollado e cheo de silencio. Subo o feixe ó lombo para camiñar pola carreira das almas en pena ata a palleira da Santa Compaña. Sempre hai vidas que están e non están. Que van e veñen ou que non volven, porque sempre hai momentos que non se viven, que nin tan sequera existen.
A corda empeza a queixarse e opto por lle facer un nó no mesmo cabo. Ó mellor acabo de facer mal. Ó mellor a solución estaba en afrouxar o feixe. Pouco a pouco. Non vaia ser que os pensamentos se escangallen polas páxinas en branco. Esperarei un chisco a ver se aguanta; se aguanta a corda e o feixe. Baixo o feixe do lombo e pégolle un descanso na pedra que sobresae na curva da nostalxia. É complicado que a nostalxia vaia en liña recta; adoita dar tombos pola inercia da vida que se vive ós cachos, da vida que abanea entre a infancia e a adolescencia. Vai ti saber; a vida é un misterio tal...
            Collo o feixe de novo e cada pensamento é un paso cos ombreiros caídos. Cada paso é un salouco que vai e vén por entre as carballeiras da melancolía. Sempre se dixo que a melancolía é o pracer de estar triste. Pero como vai estar triste un cun feixe cheo de pensamentos!


            Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 16 de xuño de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario