sábado, 18 de junio de 2016

DE EXPRESIÓNS E REFRÁNS


           
Ata o corenta de maio non quites o saio. Ás veces vai máis alá do corenta de maio. Ás veces vai sete días máis. Como aconteceu estes días, que o venres 17 aínda caeron trombas de auga que semellaba a fin do mundo. E o mércores 15 incluso o mes de xuño nos recompensou con bastante frío. Como se ve, de cando en cando, o tempo climatolóxico pasa olimpicamente dos refráns ou sentenzas.
            Outros tampouco lles fan moito caso ós refráns. Non deixes para mañá o que poidas facer hoxe. Ó que madruga, Deus o axuda. Ó COB nin dunha maneira nin de outra. Nin fixeron uns nin o axudaron outros. Tiveron todo un ano para resolver o ascenso á ACB, pero debían estar tan ben roncando no leito que ninguén madrugou e, claro, ninguén o axudou. Se non choras, non mamas. Así, de poder estar na liga dos grandes, a día de hoxe (venres),  ten incluso moitas trazas, moitos visos de desaparecer. Ai, que pouco lles importa a algúns os sentimentos dunha afección!
            Agora tócalle a quenda a outra expresión política que é moi boa: bla, bla, bla, bla, bla, bla, ou sexa, runrun-runrun, runrun-runrun, é dicir, predícame cura, predícame fraile, por un oído me entra e por outro me sae. Refírome á campaña electoral, por suposto. Todo son promesas que, despois, non se cumprirán nin o dous por cento. Seguro!
            Rematamos xa con outra expresión máis: non hai inimigo pequeno. Futbolisticamente falando. Na Eurocopa os modestos sóbenselle ás barbas, póñenselle nas patas de atrás ós presuntos intocables. A estes cústalles unha barbaridade ganar; xeralmente fano pola mínima e no último suspiro, no último alento. A ver se nos decatamos dunha vez: que ninguén se pode durmir nas pallas. Nin no fútbol nin no baloncesto. Nin na propia vida.


            Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Venres, 17 de xuño de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario