viernes, 17 de junio de 2016

OS PASOS DE SEBASTIÁN PÉREZ


            Pensa Sebastián Pérez que andar cara adiante é botar un pé detrás do outro, pero ás veces vaise cara adiante de fociños. Como lle pasou onte cando a súa dona Isolina Soledade lle puxo a cambadela. Pobre home!, si que andou para adiante, pero co nariz varrendo o chan. Sebastián Pérez quixo largar da casa para ir tomar uns viños, e foi xusto ó saír da porta cando asomou a súa dona e lle dixo “nin un paso máis, Sebastián!”. Este, de súpeto, quedou quieto-parado, porque sabía como as gastaba, como as gasta a súa Isoliniña. Mais como era domingo, pensou que nas festas de gardar lle abriría un chisco a man. A ver, un domingo é un domingo; toda persoa ten dereito a esparexerse un pouco. El tamén. Pero pedíndolle permiso ás súa media laranxa. E non llo pedira. Pecado mortal! E moito máis en domingo.
Porque Sebastián Pérez deu o primeiro paso e incluso chegou a dar un segundo, pero o terceiro, ai o terceiro, o terceiro quedou xa no aire ata que todo o seu corpo se esnafrou contra a area da carreira. Menos mal que era area. Para onde vas, oh!, tan só rosmou Isolina Soledade, pero con ese ton que fai que poñamos o signo de exclamación na frase. “Pero, muller, só ía beber un grolo de auga á fonte da aira”. “Un grolo de auga, un grolo de auga. Pensas que nacín onte!”. Agora Sebastián si andou cara adiante, pero fíxoo ó dar a volta para meterse na casa.


            Finca Fierro. Xoves, 16 de xuño de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario