viernes, 10 de junio de 2016

FLOR DUN DÍA TAN SÓ


            Hai semanas nas que me costa atopar algo para encher este recuncho. Nesta sóbranme os temas. É máis, sóbranme incluso os deportivos (os políticos chega con dicir que empezan cunha nova pesada, aburrida e sanguenta “económica” campaña electoral). Catro grandes novas deportivas: ascenso do Leganés a primeira división por primeira vez na súa historia; trofeo Roland Garros acadado por Garbiñe Muguruza por primeira vez na súa historia; morte de Cassius Clay (para min será sempre Cassius Clay), quizais o mellor boxeador de todos os tempos e un dos mellores deportistas; e xa por último, a mellor, a máis importante e a máis emocionante polo que me toca de galego: o premio Princesa de Asturias (quizais ou sen quizais o Nobel deportivo) para o noso Francisco Javier Gómez Noya.
Xa tardaron en darllo. Claro que o tríatlon non é o fútbol, nin o baloncesto, nin o tenis; é un deporte dos máis minoritarios que existen (outro tanto máis a favor por acadalo). Declaraba Iván Raña (outro que tal) que cando empezaron chamábanlles as de “Dios es Cristo”, pero grazas á súa perseveranza, aí están os dous, aí está Gómez Noya, cinco veces campión do mundo e base de porfiar e porfiar. Sempre se falaba del para isto ou para aquilo, pero claro, ante Nadal ou ante Gasol... a fama é a fama. Gómez Noya non anda de aquí para alá e, para máis aquel, era e é galego. Pero el seguiu subindo, subindo, subindo (para que digan que o galego non sabe se sobe ou baixa) ata acadar o recoñecemento que hai tempo que se merece. Aínda así, pena!, seguirá sendo flor dun día tan só. Hoxe mesmo xa poucos lembrarán que lle deron o Nobel dos deportes. É igual, en Río volverá dar que falar. Aínda que só sexa por un día.


            Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Venres, 10 de xuño de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario