domingo, 5 de junio de 2016

NON ME CAE A CASA ENCIMA


            Cansadiño, suorento e coloradiño. De ler baixo o sol. Polo paseo do Barbañica. A paso lento, claro. E iso que aínda sigo medio con gripe. E iso que teño unha pequena dor a causa do lumbago. Certo, onte estiven peor disto e tiven que estar sempre de pé atando nas vides. Co lombo doéndome a mares. Pois aínda así, hoxe, tiven que saír ler baixo un sol de xustiza.
Porque, para un servidor, toda unha tarde dominical na casa afógame, angústiame. Nunca me gustou estar moito tempo encerrado nas casas. Sempre mo dicía miña nai: a ti non che cae a casa encima. Desta ó bar Juanito, desta á bar Gándara, desta ó bar Mari Trini, desta ó hotel Ansuíña, desta a ler pola Pitediña, desta a abrir a biblioteca, desta a cavar na Cortiña, desta a arar nas Pedradarcas, desta a rozar en Barricobos. Todo hai que dicilo; non eran só os bares. Agora, vou mercar ó Mercadona da Valenzá, levo a típica nota e cando chego á casa desexo que se me esquecera algo para volver saír. Incluso aínda que teña pouco tempo (porque xa imos comer, ou cear, ou facer algo), procuro saír a ler pola beirarrúa ou polo parque que temos xunto ós garaxes con tal de non estar na casa. Xa descansei un pouco, xa deixei de suar e xa volveu a cor morena ou queimada á miña cara. Marcho para a casa... con medo a que me caia encima.


            Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Domingo, 5 de xuño de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario