domingo, 12 de junio de 2016

TARDE DOMINICAL DE TRANSICIÓN


            Asubía o vento. Corren as nubes polo ceo molgués. E as temperaturas amornan os pensamentos nunha tarde dominical de transición. Escofo o ollo dereito para dicir que a vida é un escaparate no que moitos non se reflicten. A ver, non todos sabemos vivir! Hai moitos que están mortos en vida, que lles falta espírito para dicir “aquí estou eu”. Así é que están pero non están. Está a folla do loureiro abaneando. E os anteollos sobre a mesa, á beira dun libro de Xavier B. Fernández.
Raño agora o ollo esquerdo. Quizais por aburrimento. Ou porque o silencio acolle á pulga que non fai ruído. Anda que se a pulga fixera ruído! Son as cinco e media da tarde. Dunha tarde gris, nubrada e coas bolboretas bailando por entre as herbas dos lameiros. Por entre o millo bailan as pegas. Menos mal que agora vense poucas. En catro décadas desapareceron moitas clases de paxaros. É que o tempo pasa e todo cambia. Lembro aqueles concertos nas tardes de Barricobos ou nas mañás de Sudalomba: pegas, corvos, gaios, rulas, pombos, paspallás, lavercas, petos reais, verdeais, cucos, curuxas, mouchos, lavandeiras, andoriñas, merlos, bubelas, paporrubios, pardais, estorniños... Está o verme luceiro á espreita de que chegue a noite para saír a dar unha volta. Un servidor mira para o ceo molgués mentres lle pon o punto final a este momento.


            Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Domingo, 12 de xuño de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario