martes, 7 de junio de 2016

CHORA A SEMENTE DUN VERSO


            Vexo o carreiro do Piual por entre os peitos dunha muller e sei que o verán xa está aquí. Escoito o ruxerruxe dun soño e penso que a noite é a mellor aliada da soidade. Penso nos biosbardos que nunca asoman por ningún lado. Por iso son biosbardos. A muller corre pola beirarrúa dunha inmensa cidade e o carreiro do Piual desaparece da imaxe de idilio dun pensamento que se afoga no tempo. Sempre haberá desexos que se sentan á sombra dun castiñeiro. Ou dun amieiro. Correo vento. Queda quieto o silencio. Ou o pasmón que sempre está a velas vir e que nunca lle aparece nada. Normal, os biosbardos nunca asoman por ningún lado. Nin por arriba, nin por abaixo. Ri o cativo, canta a rula, ornea o burro e chora a semente dun verso para brotar por todo o poema.
Quen se atreve a cantar na punta dun parasol? Quen mete o dedo na auga dunha conciencia? Certo, quen ten realmente conciencia? Somos o enxame de ideas retrógadas e egocéntricas. Nós, nós e soamente nós. Eu. Nós. Sempre é o mesmo. Ata o que pensa nos biosbardos cre que só el ten dereito a pensar nos biosbardos. Hai tempo que o carreiro do Piual se perdeu polas beirarrúas dunha cidade inmensa. Polo que queda o desexo orfo do pensamento. Quen vai? Quen vén? Quen asubía? Quen chouta? Quen empreña a nostalxia dun sentimento? A soidade nocturna. O silencio soñado.


            Café Oren Express da Valenzá. Domingo, 5 de xuño de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario