lunes, 10 de octubre de 2016

AS MORTES NON CONTAN


            Bomba que estoupa. Bala que sae da recámara. Frecha que se crava. Garrote que mata. Morte con ruído. Morte en silencio. Morte. Hai moitas mortes polo mundo adiante; a maioría con ruído, con moito ruído. Pola incompetencia duns e polo poder doutros. Guerras. Parece mentira, pero é tan fácil crear, empezar unha guerra. E cando xa está iniciada, que complicado é parala! Nese tempo afloran os odios, os desquites, as vinganzas.
Despois, ó rematar, chega o peor. Porque o vencedor quere tiranizar, quere dominar, quere asoballar. E empeza coas mortes silenciosas. Non lle fan falta frechas, nin garrotes, nin guillotinas; chégalles coa escuridade e o silencio. Fosas comúns en calquera lugar. Corpos lanzados ó mar. Morte sen cuartel. A paz sempre custou sangue, moito sangue. Pero é lei de vida: para que haxa paz ten que haber guerra. As mortes non contan.


            Café Brétema da Valenzá. Luns, 10 de outubro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario