viernes, 7 de octubre de 2016

BLUES RETRANQUEIRO POLA N-120



            Por sorte ou por desgraza (no meu caso, e por esta vez, creo que por desgraza) hai xa moitos anos, máis de trinta, conseguín gravar nunha casete un tema musical de Los Latinos, que era unha versión da famosa “Balada de Bonnie and Clyde”. Tan axiña como a escoitei, o pensamento que se me veu á cabeza foi “de xulgado de garda”, “isto é pasarse da raia”. Como se pode gravar un espantallo coma ese? Pois gravouse e, claro, rechían os dentes, perdón, zumban os oídos ó escoitalo. Que para que a escoito? Pois para lembrar que algúns deberían ir de cabeza ó cárcere, e moito máis aqueles que atentan desa maneira contra a arte musical.
            Todo isto vén ó caso porque hai pouco máis dun mes conseguín ver a actuación de Blues do País, un dúo que se dedica a transformar temas clásicos do blues e do soul en cancións, con referencias galegas e, no seu caso, con moita retranca. Veña xa! E isto non é de xulgado de garda? Como se pode versionar en plan retranqueiro a deusas e deuses do Olimpo musical como Etta James, Bobby Rush, Nina Simone, Nancy Sinatra, o inmenso James Brown, Muddy Waters, Led Zeppelin, Otis Redding, B. B. King, Bob Dylan e algún que outro máis? Efectivamente, podía ser de xulgado de garda, pero Bieitta James e Pepe King fano ben. E moi ben!. Con moita alegría, con xeito, con máis desenvoltura e con todo o cariño do mundo cara esas iconas musicais. Fano tan ben que aí están xa na rúa dous discos seus. E só levan dous anos xuntos!
            O primeiro disco que gravaron foi “Bateas do Mississippi” e nel escoitamos o famoso “Sittin´ on the dock of the bay” como “Sentadiña no pantalán”... moi mal hase dar a troita eiquí / Eu só vexo iates de Madrí / que cante! Non che hai sentidiño / ningún ( Ai, Ouréns, meu Ourén! Tamén asoma Janis Joplin co seu “Mercedes Benz”, que Blues do País titulou, faltaría máis, co famoso “Chimpín”. Toda unha declaración de intencións. A ver se iso é retranca ou non é retranca. “Bon Dios, non terás de sobra un chimpín / Aquí todos teñen un Ebro 3000 / Anque esfole os riles, fan ben máis ca min / Bon Dios, que che costa mercarme un chimpín”. Así canción tras tema e retranca tras sorna, tras raposería. Pepe King pon os instrumentos e Bieitta James a voz, a preciosa e marabillosa voz que ten.
            Segundo os ianquis teñen a famosa Ruta-66, Blues do País pensou que nós non podiamos ser menos e lanzaron ó mercado a non menos famosa “Ruta 120”, ou o que é o mesmo, a que nós coñecemos como a de Monforte a Vigo ou viceversa. Nesta, en vez de asomar Bobby Rush con “Garbage man”, asoma Blues do País co seu “Camión de lixo”... haberá alguén nesta terra / que estea pior ca min? / A muller deixoume por un prea: / o que leva o lixo co camión por aquí.. En vez de asomar Nina Simone co seu “See Line Woman” aparecen as famosas Marías de Santiago baixo a voz de Bieitta James. Nancy Sinatra puña as botas para camiñar pola Ruta 66 e Bieitta, que carallo!, pon os zocos para andar pola ruta 120. A ver cales son mellores! Nin punto de comparación!
            Bieitta James, na realidade, chámase Iseo Agilda e naceu o 25 de abril de 1983. Ela mesmo me aforrou as contas: 33 aniños. Que seica foi nunha clínica de Betanzos, pero tan axiña como lle deron a alta (a ela e á súa nai) marcharon para Oza dos Ríos a pasar a nenez, porque axiña colleron camiño de Ourense, da que, a súa nai, seica se namorou. E claro, cando alguén se namora de algo, adoita non deixalo. Os estudos, chamémoslle pequenos, levounos a cabo polo barrio das Lagoas e os grandes, máis en concreto Filosofía, fíxoos en Santiago. Sempre lle gustou cantar e usa as cancións, a música como terapia “para manterme en min pase o que pase”. Entrou en contacto, para empezar, co grupo Sacha na Horta, do que Brais, é dicir, Pepe King era o seu fundador. Co tempo, coas inquedanzas dun e doutro e a pesar dos atrancos formaron o dúo Blues do País. O dos atrancos vén porque viven lonxe entre eles e para gravar e compoñer xúntanse onde poden e como poden, aínda que quen leva as de ganar seica é o guasap. Que somos hoxe sen o guasap?
            Brais das Hortas é o nome de Pepe King e naceu en Camos, no concello de Nigrán. É polifacético de raio; compón, arranxa, grava, mestura, masteriza e tocando instrumentos é o conto de nunca acabar: guitarras acústicas, clásicas e eléctricas, batería, darbouka, kalimba, frautas, acordeón, etc. Empezou na música no verán de 1996 tocando a guitarra e pasou por diversos grupos locais do Val Miñor. A verdade é que non teño espazo para nomear todos os grupos e bandas nos que participou. Logo, para máis aquel, a partir do 2006 combina a súa actividade musical coa de narrador oral contando contos por institutos e por onde lle cadra. O dito, un tipo polifacético e versátil.

            Café Brétema da Valenzá. Mércores, 31 de agosto de 2016
            Maceda. Venres, 9 de setembro de 2016

Publicado en La Región o venres, 07-10-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario