domingo, 2 de octubre de 2016

TIROLIRO A SETE VOCES


            É tempo de soñar cun tiroliro a sete voces e que cada pau aguante a súa vela. Hai xente que aguanta as velas de todos os santuarios e hai xente que leva paus a carradas, a vurullóns. Tamén están os que cospen para arriba e lles cae o cuspe na cara. Estívolle ben! Co bonito que é soñar esperto aínda que esteas durmido, ou ó revés, hai xente que soña durmida estando esperta. Como se adoita dicir, todo hai na viña do señor. E na Costa da Gándara xa non che digo! Alí teño de todo, a maiores da viña.
Co bonito que é soñar co tiroliro a sete voces, por moito que á miña muller lle amole tal expresión. Só por iso, porque sei que lle amola, cada dous por tres, zas: tiroliro a sete voces. Menos mal que leva a ben a broma. Hai xente que non sabe captar as indirectas e seguen pola vida coma se o camiño fose todo sinxelo. Outros atopan un atranco e amosan caras de ferreiro que mellor é non dicirlles nada. Nada lles digo. Cada quen que navegue polos seus soños.


            Finca Fierro. Domingo, 2 de outubro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario