Díxose
sempre que a mellor terapia para o ser humano é a risa. Eu tamén engadiría o
sacho ou o fouciño, aínda que recoñezo que esta terapia custa moito levala a
cabo. O da risa é verdade que deixa a un liberado de todos os problemas, de
todas as dores e aflicións. Máis, coidadiño!, facer rir é moi difícil, quizais
o máis difícil que existe. Pero aínda así hai xente que te fai rir a cachón e
de continuo, que aínda é moito máis difícil. Hainos que lles chega cun simple
xesto para que sintas formigas na barriga e bágoas nos ollos. E hainos que, se
saben unir os xestos ás palabras, entón é que xa te tiras polo chan porque non
aguantas máis. Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz son destes últimos. A
maiores de poñer expresións que xa te fan choutar, usan a verborrea para que
pases uns marabillosos momentos na súa compaña.
Tiven a
sorte de velos representando “Falar sen cancelas”. Sen cancelas, sen arames,
sen atrancos e sen muros; falan a Deus dar e falan con esa retranca tan famosa
nosa que as indirectas son máis que directas e sen deixar cousa con cousa ou
torre en pé. Xa a propia introdución que se adoita facer cando actúan en algún
lado o di todo: “Hai xente que fala por
falar. Outros falan polos cóbados. Algúns falan os sete falares. E non son
poucos os que falan do xato e se esquecen do trato. Porque prefiren falar dos
biosbardos, das nubes ou do sexo dos anxos antes que ir ó conto. Mesturan o
allo co bugallo. Fan de cada palabra un espectáculo e, en definitiva, falan sen
cancelas”.
“Falar
sen cancelas” é un espectáculo de “humor galego apocalíptico”, unha “comedia
pesimista” que produce Culturactiva SCG, que dirixe Diego Rey e que
protagonizan eses tres cómicos excepcionais, por todos xa coñecidos grazas ós
seus 15 anos de experiencia e ós seus espectáculos televisivos..
O
director Diego Rey naceu en Moaña o 20 de novembro de 1982 e realizou a súa
formación teatral con diversos mestres, destacando a súa preparación en Commedia
dell´Arte. Hai dez anos que se uniu á compañía Talía Teatro coa que desde entón
ven desenvolvendo a súa actividade.
Isabel
Risco. Isabel Martínez-Risco Valdivieso é un caso á parte. Xa hai bastantes
anos que, gozando dunhas pequenas vacacións alá por Louro (as miñas sempre
foron e son pequenas... e cando as teño), na praia de San Francisco, atopámonos
coa actuación dunha rapaz que parolaba sen parar, que era unha fervellasverzas
cuspindo palabras e que facía co seu corpo un bulebule de escándalo. Xa aquela
noite rin a cachón. Pasou o tempo e, pouco a pouco víaa de cando en vez na
televisión. A moi condenada seguía nas mesmas: usando esa linguaxe do oeste
galego que ten o seu aquel e que, a min, polo menos me fai escachar coa risa.
Actriz,
clown (ou pallaso) e pedagoga teatral. Comezou no teatro universitario en 1997.
Para nomear os seus mestres cumpriríame xa o resto da reportaxe; entón basta
con nomear a Leo Bassi e Manuel Lourenzo, que serán os que máis coñecedes.
Desde o ano 2000 participa en espectáculos profesionais e no ámbito do audiovisual
traballa como actriz secundaria e protagonista en series como “Padre Casares”,
“A vida por diante”, “O Nordés” ou “Air Galicia” e diversos programas máis da
TVG. Tamén realiza curtas, publicidade e algunha que outra longametraxe. Leva
anos interpretando un personaxe recoñecible por todos vós, Nabiza Girl, a nosa
heroína galega que saca os poderes do sulfato (a chamala xa para que me sulfate
a viña nun amén!). Ollo ó dato!, acadou o premio Mestre Mateo de 2014 á mellor
intérprete feminina de reparto por “Era visto!!, que non é cousa de pouco.
Outro
que tamén botou man de Leo Bassi, entre outros, foi Pedro Brandariz, hoxe xa
bastante coñecido grazas á súa participación habitual en “Luar”, xunto a Fran
Rei, compañeiro tamén de “Falar sen cancelas”. Brandariz é un gran contador de
historias que, á pesar de proceder do mundo do clown, tamén traballa en
compañías de teatro máis clásico e teatro infantil.
O seu
citado compañeiro Fran Rei xa é santo da miña devoción tan só por haber actuado
en Baños de Molgas (a ver!, cada un tira do seu...), pero é que, a maiores, é
cofundador, pallaso en activo e coordinador da compañía Os Sete Magníficos máis
Un. Por algo se di que é o 50% da mesma. Desde o ano 2001 leva participado con
ela nunha ducia de espectáculos. Formouse baixo a vixilancia dos mellores
mestres do panorama internacional. Monitor de dramatización, teatro e clown,
dirixe varias escolas de formación teatral. Especialista en clown, desenvolve
regularmente obradoiros de iniciación e perfeccionamento desta técnica. Véndoo
en “Falar sen cancelas” aseguro que pode impartir moi ben e moi perfectamente
eses obradoiros.
Publicado en La
Región o venres, 30-09-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario