domingo, 26 de noviembre de 2017

GRAZAS A DOUS VECIÑOS


 
            Se mal non recordo, desde que empecei a escribir cousiñas de Baños de Molgas dos últimos anos do século XIX e primeiros do século XX, fíxeno xa sobre dous afogados nas augas do río Arnoia ó seu paso pola vila. Pois ben, hoxe toca falar dunha “medio afogada”, dunha que estivo a piques de que se lle encheran os pulmóns de auga e de que rematara os seus días nese mesmo río e nesta mesma vila. Se non afogou foi grazas á afouteza de dous veciños.
Contan as crónicas do mes de xullo de 1902 que “un acto altamente humanitario e verdadeiramente heroico realizaron hai pouco os apreciables mozos don Samuel e don Salomón González Movilla, alumno de medicina o primeiro, salvando dunha segura morte a Marina Iglesias, que estando lavando no río de Baños de Molgas, caeu, efecto dun desgraciado accidente, á auga”. Seica foi nun sitio de gran profundidade, o que me fai pensar que sería polo Pozo da Grade. Se non fora pola coraxe e rapidez con que eses señores correron no seu auxilio, a señora Marina non o contaba. Pero contouno e seguiu lavando no río Arnoia porque, a ver!, naqueles tempos era o que había: auga, pedra e xabón.

            Finca Fierro. Domingo, 26 de novembro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario