jueves, 2 de noviembre de 2017

O ARADIÑO DE PAU



            Cústame poñerme a escribir porque non sei se non quererá saír o demo que levo dentro. É que hai decisións que me alteran, que me superan. A xustiza española, cando quere, funciona aínda máis rápido que un lóstrego. Cando non quere, mete a cabeza no cu como as avestruces. Ó mellor tranquilízome un pouco se me poño, por exemplo, a esculpir un aradiño de pau e con el arar, despois, esas herbas ditatoriais que sempre tivo este país noso.
Aradiño de pau do que tan só tiramos uns poucos e que, para máis aquel, nos poñen atrancos para que nos saian os regos torcidos. A xustiza non é igual para todos. A lei son catro palabras escritas que uns cumpren e outros non. O aradiño de pau segue arando rego tras rego nesa leira enorme na que as matogueiras se enredan, pouco a pouco, área a área, nesa masa amorfa que apanda con esas catro palabras que programaron outros catro paspáns para vivir coma Deus. A rella do aradiño de pau empeza a quebrar porque hai ditaduras que son moi duras e non hai quen as entre. A ditadura, digo, a leira é enorme e ó aradiño de pau cústalle facer un regos democráticos. Pero sigamos arando. Algún día a leira quedará arada e ben arada.

            Finca Fierro. Xoves, 2 de novembro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario