A
desgraza do submarino arxentino e o atentado en Exipto foron dous
acontecementos que xa tiveron abondo difusión nos medios escritos e falados.
Así é que opto por buscar algunha outra cousiña que poida denunciar. Porque si,
porque sempre me gustou denunciar aquilo que penso que está moi mal, aínda que
doa. As verdades xa sabemos que doen. Ademais, de algo ten que valer o estar
considerado a ovella negra. Así é que, ale, a atacar: Bruselas quere enviar os
seus propios medios de loita contraincendios a Galicia. Para que? Se nin tan sequera
saben onde queda Galicia. O único que nos tocará será pagar o dobre (polos
medios nosos e polos medios de Bruselas) e, despois, xa veredes, por uns e por
outros, polo si e polo non, a casa sen barrer, ou sexa, o monte a arder.
O
Congreso aprobou o novo Cupo vasco e o noso presidentiño Feijóo pide que se
explique “con claridade” ó resto de presidentes. Parece mentira que non consiga
ver el esa claridade, cando a temos sempre diante dos ollos: que Galicia e o cu
do mundo. Claro que, a el, que máis lle dá. El está máis pendente de entrar “con
claridade” na conquista de Madrid que da súa propia terra. O que digan alá está
ben dito. Para que vou encirrar máis? Para que me vexan mal?
Sei que
hai detractores do Black Friday polo que simboliza da febre consumista. Así é
que por esa beira non digo nada. Eu atácolle ó propio nome. Acaso Venres Negro
non ten as mesmas dúas palabras? Por que os medios de comunicación nos bombardean
co inglés. Por que eses que tanto medo lle teñen ó galego non atacan da mesma
maneira os anglicismos, que están acabando cos dous idiomas nosos? Os
anglicismos si van acabar co castelán e non o galego. Listos, que sodes uns
listos.
Finca
Fierro. Sábado, 25 de novembro de 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario