viernes, 17 de noviembre de 2017

QUINTO INFERNO, PRIMEIRO CEO



            Recollendo de aquí e de alá durante toda a semana atópome agora cunhas cantas notiñas que merecen algún que outro comentario. Por exemplo, podo empezar co sismo que asolou terras entre Irán e Iraq e, o peor, que matou a uns centos de persoas, algo máis de cincocentas. Pois ben, asomou dous días na prensa, un para dicir que o houbo e outro para sumar as vítimas. E aí acabou o conto! Xa sei que aburro co tema de que os mortos non son iguais uns que outros, que non é o mesmo que morrer no quinto inferno do mundo musulmán que no primeiro ceo do mundo cristián. Vaiche boa! E unha vez máis está a demostrarse. Estaba visto, Evaristo! Dous días tan só para cubrir toda unha catástrofe, cando no mundo civilizado (é un dicir) nos tiramos semanas falando, por exemplo, do desbordamento dun río que causou cinco mortos… que por que non estaba limpo, que por que non se construíron diques, que por que se deixa construír tan preto dos caudais, que a ver quen é o culpable porque esa tromba de auga matou a cinco persoas. Hai mortos e mortos.
            Como hai xustiza en España. Que o di o Goberno, que non o digo eu. Que di que é independente. Mentira! A xustiza no noso país está máis que amarrada, sometida ó poder. Non hai que ser linces para velo. E estes días menos ca nunca. Aquí é coma en Estados Unidos, por exemplo, que hai unha xustiza para os negros ou latinos e unha xustiza para os brancos ou anglosaxóns. Aquí hai unha xustiza para os pobres de espírito e unha xustiza para os ladróns. E sei que entendedes a que ladróns me refiro. Boa semana, lectores.

            Finca Fierro. Venres, 17 de novembro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario