martes, 28 de noviembre de 2017

MESTURAR SAPOS CON BOLBORETAS


 
            O día que Secundino Grande Vilaquente non fale ante calquera dos seus veciños, malo!; algo grave lle ten que pasar. Secundino Grande, o fillo do Pachorras, é dese homes que fala sen parar, practicamente sen respirar, e non pola bebida –que bebe de carallo-, senón porque el é así. Claro que tamén é verdade que, ó falar, podía facelo de cousas con xeito; pero é aquí onde falla abondo.
O fillo do Pachorras non tarda dous minutos en mesturar sapos con bolboretas. Tan ben está falando de como se pode arar unha leira, como salta ó momento poñendo un exemplo dunha aliñación de fútbol ó comentar que nese rego vai de porteiro un garavanzo, na defensa metería unhas cantas fabas, na media irían feixóns, nas bandas verza branca e de dianteiro centro, faltaría máis, un bo repolo. Así é Secundino Grande Vilaquinte, mesturando sapos con bolboretas. Cando alguén lle comenta que non faga dun peixe un chourizo ceboleiro ou dun chourizo de boche unha troita, el bótase a rir. Durante pouco tempo, porque axiña lle volve dar á tarabela para mesturar os sapos coas bolboretas.

            Finca Fierro. Martes, 28 de novembro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario