lunes, 6 de noviembre de 2017

POR CULPA DOS MÓBILES


 
            Cada vez se me pon máis imposible ler andando polas rúas ou polos parques. Por culpa dos teléfonos móbiles. Xente e máis xente falando polos móbiles; a maiores de que xa sabedes como somos falando polos teléfonos: a berros!, por se non nos oe o que está ó outro lado. Isto, claro, desconcéntrame. E hai libros que hai que ler con certa concentración, principalmente aqueles que non che gustan moito. Se che gustan xa pos os seis sentidos na lectura.
Xente sacando os cans e falando polo móbil. Acompañantes ou familiares empurrando a un impedido nunha cadeira de rodas e, como non, falando polo móbil. Empurran cunha man e coa outra suxeitan o aparello. E berran, claro. Xente sentada nos bancos dos parques e, a maioría, falando polo móbil. Malditos móbiles! Circula por aí un vídeo simpático pero case, case moi real (é máis, creo que co tempo ata poido que así sexa) no que uns acompañantes guían á xente que vai guasapeando co móbil. É dicir, como lazariños. Non vaia ser que pasen semáforos en vermello ou que choquen con xente. Isto de tropezar coa xente xa é lei de vida.

            Finca Fierro. Luns, 6 de novembro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario