domingo, 10 de diciembre de 2017

A TREBOADA DE TODA A VIDA


    Chove. Chove sobre a Finca Fierro e sobre Baños de Molgas. Chove sobre a cabeza dos que andan pola rúa sen paraugas e sen capucha. Chove sobre a conciencia colectiva dun pobo e sobre o capó dun 600. Por fin chegou a cicloxénese tan ansiada, é dicir, a treboada de sempre, o que acontece todos os anos. Alarma amarela ou laranxa ou vermella. Que máis dá; o caso é alarmar.

Anda que non aguantaba todas esas treboadas, a peito descuberto, no monte Medo ou no de Pinouzos, ou por entre as carballeiras das Costelas. E que non se me ocorrese largar para a casa coas vacas por medo a que me caese unha árbore enriba... ó chegar, labazada da nai e volta para o monte. Agora suspéndense todas as actividades que teñan lugar ó aire libre non vaia ser que che caia un toxo encima. Agora non se che ocorra saír da casa, por se aquel. Chove. Chove sobre un can que pasa pola rúa e sobre as esaxeracións dunhas conciencias que queren ser santas. A cicloxénese Ana, ou sexa, a típica treboada de toda a vida bule por toda a contorna. Con certa parsimonia. Chove. E punto.

    Finca Fierro. Domingo, 10 de decembro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario