Pode
unha situación extrema converternos en monstros? Pode. Vaia se pode!
Ou o monstro latexaba xa no noso interior agardando a que se lle
abrise a porta?
Ás veces chega con abrir tan só uns milímetros dun ventanuco de
mala morte. Xa o teño confesado moitas veces: que levamos o demo
dentro.
Algo
moi semellante ó que lles acontece ós actores da obra teatral “Os
carniceiros”, que a compañía Teatrino representou na Casa da
Cultura Manuel María de Barbadás o sábado, 21 de outubro, e que
nas táboas teatrais amósannos unha traxicomedia ambientada nun
campamento militar encabezado por un equipo médico que navega entre
o horror e a tolemia.
Segundo
amamos, matamos. Segundo matamos, sentímonos inocentes nun mundo
que, no fondo, non ten nada de inocente. Ou ten moi pouco. Algunhas
veces é tan cruel que nos supera por completo. Menos mal que o mundo
dese día, precisamente dese día, era puro teatro. Pero puro teatro
con moito contido social que saíu da cabeza de José Vaquero,
adaptando un texto de Antonio Morcillo.
Vaquero
naceu no barrio dos Rosais da nosa cidade no 1977. Estudou
bacharelato no Otero Pedrayo e diplomouse en traballo social no
campus universitario das Lagoas. Pero como non sempre nos gusta o que
estudamos (aínda que haxa veces que non queda outro remedio que
agarrarse ó que se poida), a el, polo que parece, tampouco lle
gustou moito, xa que fixo o que fan moitos, principalmente en Ourense
(polo menos é a fama que temos): oposición que te criou! Fincou os
cóbados e desde o ano 2000 traballa de bombeiro para o concello.
Grazas ós horarios laborais seica picou de aquí e de alá en
cuestión de máis estudos, “porque me gusta aprender”, ata que
no 2004 todo cambiou. Inscribiuse nun obradoiro de teatro que
impartía Mónica Sueiro na Casa da Xuventude. E xa sabemos o que
significa o “gusanillo da interpretación, do teatro”.
Empezou
a participar na fundación de diversas compañías teatrais e a
facerse un chisco máis profesional, polo que durante seis anos
viaxou practicamente a diario ata Vigo para estudar na Escola
Superior de Arte Dramático.
A
compañía Teatrino fundouna, xunto con dúas persoas máis, no 2009.
Como calquera outro grupo de teatro afeccionado, os seus membros van
e veñen segundo as circunstancias da vida. Polas táboas da Casa da
Cultura da Valenzá movéronse con desenvoltura cinco actores que non
daban a impresión de que fosen afeccionados; máis ben notábaselles
ás leguas que xa tiñan nos seus pés moito pateo sobre os
escenarios teatrais.
Javier
Octavio é o único que non é de Ourense. Naceu en Toledo hai 34
anos. Empezou nesta fermosa arte no último ano do instituto e
colleuna xa a peito na Universidade co grupo Luna Teatro. Mestura o
teatro profesional co afeccionado. A nivel audiovisual participou na
curtametraxe “O Rebelde”, que está incluída na ópera rock “The
Rebel”.
Patricia
Figueiras naceu en Ourense no 1980 e hoxe é fisioterapeuta, que, a
ela, si lle gusta, pero ese citado “gusanillo”... Empezou con
Marañao (asociación cultural fundada por José Vaquero, por quen se
non) e agora anda con Teatrino. “E que dure”, confesa chea de
ledicia.
Semella
que o máis extravertido do grupo, o máis churrusqueiro é Luis
Iglesias; e non pola actuación en si (pois xa digo que a obra tiña
máis de traxedia que de comedia), senón polo que me escribiu cando
se decidiu a mandarme algo para esta reportaxe, e que cito
textualmente: “Nacín en Ourense, sendo a metade da primeira
parella de xemelgos que naceron no acabado de inaugurar Hospital
Materno Infantil (1969). De profesión bohemio, estudei electricidade
pero nunca exercín nin para cambiar un enchufe. Cando non vagueo,
escribo teatro e poesía que aínda non me decidín publicar”. Pois
faino, amigo, que seguro que son boas.
Tania
González naceu hai 30 anos en Calvos de Randín. Profesora. Leva no
teatro desde os 11 anos, é dicir, desde o colexio e actuando, claro
está, no instituto, na Escola Municipal de Teatro e na Aula
Universitaria. Claro que no de empezar cedo gánalle incluso a súa
compañeira de obra Vicky Álvarez, que empezou ós nove anos e “para
min é algo fundamental e que non podería quitar da miña vida por
todo o que me aporta a nivel persoal”. Está estudando Ciclo
Superior de Animación Sociocultural. É de Ourense. É a máis
noviña: 27 anos.
Estando
esta reportaxe aínda en borrador, un día chégame un correo de José
Vaquero que dicía: “sinto bastante curiosidade polo feito de que
te intereses por un grupo de teatro afeccionado”. É sinxelo:
porque cando os vin non me pareceron tan afeccionados e porque, como
xa teño confesado noutras reportaxes, gústame axudar un chisco
dándolles un pequeno ou pobre empurrou a eses que empezan, polo
detalle de que, a moitos, por unhas ou outras circunstancias, élles
moi difícil asentarse. Estou por apostar que á maioría dos que son
hoxe famosos tamén lles custou chegar a onde chegaron. E ós famosos
de hoxe pois xa os coñece todo o mundo. Hai que descubrir zumes
novos. Hai que buscar eses heroes anónimos que andan por aí soltos
e que, sen practicamente querelo, alégrannos a vida ou énchennos de
emoción os sentimentos. Teatrino fai pensar moito, polo menos coa
obra “Os carniceiros”. E que alguén te faga pensar é bo, moi
bo.
Café
Parderrubias de Celanova. Venres, 27 de outubro de 2017
Publicado
en La
Región
o sábado, 02-12-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario