“Estou
moi nervioso”, foi o saúdo co que se presentou ante o propietario
do café El Cercano e ante un servidor o escritor e actor Suso Lista.
Eu quedei abraiado, alucinado ante as súas palabras, e ó mesmo
tempo, xa lle comentaba: “que digas ti iso...”, en clara
referencia á súa vocación cinematográfica, teatral e literaria.
Porque Suso Lista ía presentar no café citado o seu terceiro libro,
logo de batallar xa co público con “Salseiros”, no 2014, e con
“Xeixos”, un ano máis tarde. É dicir, que entre as
presentacións literarias e as actuacións cinematográficas xa
debería ter certa veteranía para quitar de seu eses medos. Claro
que tamén é verdade que, a todo actor que se prece, sempre lle oín
aquilo do “medo escénico”, moito antes de que o Santiago
Bernabéu se apoderase desa expresión. E sei de actores moi
veteranos (tanto por traballo como por idade) que chegan incluso a
vomitar uns minutos antes de subirse ós escenarios. Como digo eu: o
medo é libre.
E
ó mellor foron os nervios (vai ti saber!), pero o caso é que nunca
nos rimos tantos nunha presentación literaria ante as ocorrencias e
a forma de destripar os relatos do seu libro. En cada frase que
soltaba, en cada anécdota que contaba dos seus veciños, da súa
vida, zas, argalladas ó canto. O recanto do café, ateigado de
xente, converteuse nunha festa amena, nunha presentación entrañable
sobre un libro cheo de relatos que daban e que dan para nadar nel.
Suso
Lista presentouse en El Cercano o pasado 25 de outubro para
descubrirnos “Charamuscas”, terceiro libro da triloxía sobre os
tres grandes elementos (auga, terra e lume), composto por 21 relatos
breves -aínda que dous deles teñen unhas 30 páxinas- moi fáciles
de ler e con protagonistas, practicamente todos eles, reais. Eses
personaxes, baixo a pluma do autor, dan a impresión de surrealistas.
Adoita plantarlle cara á morte en plan fanfurriñeiro (quizais para
vencer aquel medo, aquel susto que se levou un día cando andaba de
percebeiro e unha onda estivo a piques de mandalo ó mundo do máis
alá) e así o reflicte na maioría dos seus relatos. Tipo divertido,
tanto no persoal (xa digo que escachamos coa risa) como na ficción,
na escritura. Os seus relatos amosan todo ese humor característico
da Costa da Morte.
É
actor e é escritor, pero non sei se saberá que a súa vida dá para
unha película ou para unha novela abondo voluminosa. Suso Lista
naceu como Jesús Lista Neira en Corme o 2 de abril de 1962. Pasou a
súa infancia entre a aldea e a Universidade Laboral de Cheste, en
Valencia, para estudar a EXB. Con 16 anos embarcou como mariño
mercante para percorrer toda Europa e o norte de África. A esta
idade foi cando empezou realmente a ler neses ratos que ás veces
deixa o mar, o traballo no mar.
Ós
25 anos deixou de aboiar sobre o Atlántico para emprender, agora si,
unha agónica e impresionante loita contra as súas augas, contra
esas ondas que rompen unha e outra vez no Roncudo, ese recanto da
Costa da Morte, onde cada pedra ten o seu nome. Meteuse percebeiro
para rabuñar unha e mil veces nese Roncudo que o engaiolou sempre,
pero, como tamén xa dixen, insufloulle un respecto tremendo. Mellor
dito: medo, así de sinxelo. “Porque respecto só llo teño a meu
pai”.
Foise
apartando desas ondas traidoras e empezou a meterse en personaxes de
ficción de toda índole. Participou como actor secundario en máis
de 40 capítulos da famosa “Mareas vivas”, onde se relacionaba co
mesmo xuíz de Portozás, don Luis Tosar. Con este coincidiría unha
vez máis entre as reixas desa moi boa “Cela 211”.
Ó
mesmo tempo participaba en películas para outras televisións e
rodaba máis de 50 curtametraxes entre Galicia e León. Foi guionista
de curtas e tamén actor e guionista do documental “Ida e volta”,
que o preseleccionaron para os Premios Mestre Mateo de 2007.
Pero
as inquedanzas de Suso Lista ían máis alá da actuación. Así é
que no ano 2005 empezou dálle que dálle a unha bitácora que axiña
se converteu en algo así como unha enciclopedia da súa contorna. En
Radio Roncudo dirixiu un programa cultural chamado “O Embigho da
Fin do Mundo”. O título creo que xa o di todo. O éxito da
bitácora e os empurróns agarimosos dos veciños foron os que lle
deron pé para que plasmase en libros moitos deses escritos, desas
vivencias. Así é que colleu os elementos auga (“Salseiros”),
terra (“Xeixos”) e lume (“Charamuscas”) e espallounos por
todas as librarías e bibliotecas para que o lector descubra a un
autor demasiado expresivo, quizais algo surrealista, pero con moito
humor e un cariño inmenso, enorme cara ós seus personaxes, moitos
deles, veciños.
O
9 de outubro de 2015 rematei de ler o libro “Salseiros” e isto
foi o que subín ó feisbuq: “Xenial!!! Lino practicamente todo
polo recinto do Campus Universitario e non esaxero se digo que tiven
varias apuradas con el, porque en algúns relatos ría a cachón e
tiña medo que me viran. Que forma de escribir!!!” Grazas, Suso. E
con isto creo que queda todo dito.
Café
Parderrubias de Celanova. Venres, 3 de novembro de 2017
Publicado
en La
Región
o venres, 15-12-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario