martes, 19 de diciembre de 2017

O ESCRIBIDOR QUE ERRA

Quero ser orballo no tempo seco da compaixón e mollar as corredoiras que levan a uns lugares que estiveron pero xa non están. Quero ser remuíño nun río calmo ou nun pequeno regato. Non todos podemos ser o que queremos. Ás veces somos un simple asubío nun retrouso de Bruce Springsteen. Outras veces corremos detrás das vacas para que os tabais dunha conciencia corrupta deixen de chuparlle o sangue. Quen entende o xurdir dun canto cheo de esperanza? É moi difícil ter esperanza nun ambiente cheo de soidade e de sacrifico, de oblación.
Quero ser a nube negra que se mete por entre os raios dun sol que non alumea. Quero ser a pedra que atranca a carreira que vai dun etapa de xogos a unha etapa de desconsolo. Pero tan só son o derradeiro mohicano dun Oeste que xa non é, aínda que cabalgo por entre as pradarías dunha galaxia sen fin, dun universo cheo de hienas que morden, que acosan. Quen entende a sinxeleza dun sentimento? Ou a nugalla dun pensamento. Quero ser o escribidor que erra nos soños que quere soñar. Soñar é bonito. Pero a realidade móllase coas pingas de orballo que caen.

Finca Fierro. Martes, 19 de decembro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario