domingo, 17 de diciembre de 2017

LECTURAS E CABEZADAS

O meu está máis que demostrado que é o de ler andando. Tarde de domingo. Logo de xantar deito un pouco para dar unha cabezada. Axiña me poño a ler, na cama. Non tardo en notar certa lasitude nos ollos. Chego ó remate do capítulo, cerro o libro e veña, outra cabezada. Ás veces non consigo durmir, pero perdo o tempo sen ler. Volvo coller o libro. Ó mellor xa na segunda páxina volve a gravidez nos ollos.
Hai veces que nin consigo chegar ó final do capítulo e párome no último parágrafo da páxina da dereita (sempre fago así: cando quero deixar de ler, ou espero a un novo capítulo ou no último parágrafo da dereita, para saber, logo, onde quedei coa lectura). Volvo cerrar o libro e, ale, a pousar a corna. A calefacción, que a casa estea quentiña tamén son tantos en contra da lectura, xa que entra unha somnolencia que non vexas. Que por que non me levantei para ler andando? Polo de sempre, que na cama estase coma Deus e que cando hai nugalla non hai volta de folla. O libro, a verdade, é que tampouco axuda moito. Está ben, pero non é unha novela que entreteña; é máis ben un libro de historia que te cabrea.

Finca Fierro. Domingo, 17 de decembro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario