sábado, 9 de diciembre de 2017

DE MEDIO PENSIONISTA


    O pasado día 7 de decembro fixo 50 anos que se empezou a construír o novo colexio dos Milagres. Digo novo porque á beira do santuario xa había un desde tempos inmemoriais. E foi no novo onde me tirei toda a adolescencia, onde estudei todo o que estudei (menos a oposición, claro).

Oito anos alí metido (sete de bachiller, porque a nugalla fixo que repetira segundo, e o COU) que deron para moito. En principio, para tirarme os primeiros tres meses de medio pensionista. Nese tempo, as viaxes ó colexio e á casa todos os días dan para escribir unha novela e algo máis. A maiores de que coincidiu co inverno. Subindo polo Medo  coas xeadas que brillaban tanto que, aínda que fose de noite, víase ben. Subindo polo Medo, cedo, con 10 anos, cagadiño de medo. Ás veces acompañábame o pai ata o cruce da estrada de Maceda, no burro, pasando aínda máis frío. Outras mañás subindo na mobylette dun veciño. Unha temporadiña, en taxi, que alugabamos entre catro ou cinco familias. O de alugalo, outra aventura. Os cartos naquela época, na miña familia, eran máis que palabras maiores. Hai 50 anos, un colexio empezaba a revolucionar a vida de moitos rapaces da contorna. E a de algúns Paúles. Pero esta é outra historia.

    Finca Fierro. Sábado, 9 de decembro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario