Descubrín o grupo musical Ialma no
alto de Piúca, o día primeiro de marzo do pasado 2017. E non porque
celebrasen un concerto alá (quen o pillara!; coas ganiñas que teño
de velas), se non porque ía escoitando a radio no meu Pancracio
camiño do traballo á casa. Diariamente,
neses momentos, nese percorrido sempre escoito o programa radiofónico
Discópolis de Radio
3. Oín como cantaban. En galego. Non as coñecía de nada. O locutor
dixo o nome: Ialma. E foi
entón a miña alma, o meu
espírito o
que quedou seducido e
namorado do grupo e da súa
música. Logo, para máis aquel, decateime de que eran fillas da
emigración e iso chega, chega moi dentro. Tanto que houbo momentos
da entrevista nos que a emoción embargaba esa alma que penso que
teño e chegaba ós ollos con tal intensidade como para humedecelos.
Ialma.
Grupo feminino procedente de Bélxica. Pero chamándose Verónica
Codesal, Natalia Codesal (irmás), Magalí Menéndez e Marisol Palomo
é moi fácil recoñecer as súas raíces galegas, aínda que unha é
asturiana, Magalí, de Oviedo. Todas, non obstante, naceron en
Bélxica, pero fillas de emigrantes. Emigrantes polo de sempre: por
cuestións económicas e, no caso destas mozas, por cuestións tamén
políticas. Ai a política!, canta miseria ten dentro e canto temos
que depender dela...
Estaban
no programa Discópolis
presentando o seu quinto disco “Camiño - de
Bruselas a Santiago”, feito co produtor belga Quetin Dujardin, que
tamén estaba nos estudos de Radio 3. “A nosa historia é un camiño
de Bruselas a Santiago, é a volta, a recuperación do que nos
contaron os nosos pais, pero con poesía e posibilismo”, confesaba
unha delas. No
disco tamén afrontan a
crítica social, atendendo ó estado convulso do continente europeo
debido ó terrorismo e ó peche de fronteiras. O álbum
recolle 13 temas de corte intimista e persoal. Pezas populares para
contar a súa biografía familiar.
Mentres
baixaba para a Finca Fierro, para Barbadás, tiven a ocasión de
escoitar tres temas delas que me deixaron máis
que abraiado: “Na
túa lembranza”, dedicado e cheo de sentimentos cara ó avó de
Natalia e Verónica, un mineiro andaluz acusado, como non, de “roxo”.
O tema “Doutras terras” é unha lanza a favor do amor, sen ter
para nada en conta a cor da pel do ser humano. E “Seremos”
emociona pola propia historia en si: a estas catro preciosidades
acompáñanas no tema un coro de nenos que... son os que lle dá
clases Natalia Codesal!, que é profesora.
Contaron a anécdota de que nas actuacións por terras españolas
-como non podían traer os nenos consigo- sempre se lles ofrecen
coros de rapaces desas cidades nas que actúan.
Falan perfectamente o galego, polo
menos as máis galegas (Marisol é de Betanzos e as irmás Codesal
son de Guitiriz; ai si, perdón, as súas familias) e empezaron
xuntas desde pequeniñas. Declaran orgullosas de todo que levan 30
anos dándolle ás cancións. Entendo ese orgullo, pois sabemos o
problemático que é a convivencia entre varios e durante tanto
tempo.
Marisol
Palomo traballa na Comisión Europea e Verónica
Codesal só se dedica a cantar. A proba é que no 2003 representou a
Bélxica no Festival de Eurovisión, onde obtivo o segundo posto co
seu grupo Urban Trad.
O nome do grupo seica vén dun amigo
que, ó escoitalas, díxolles que cantaban “con moita ialma”. E
todos os fans que conseguen contactar con elas, a maioría sóltanlles
aquilo de que “sodes as embaixadoras de Galicia no estranxeiro”.
Como
anécdota triste (polo
acontecemento) e ó mesmo
tempo esperanzadora (pola
sorte) está a de Magalí
Menéndez que o día dos atentados do metro de Bruselas, no
que morreron 35 persoas, incluídos os tres terroristas, salvouse
grazas a que se adiantara un pouco ó seu horario habitual no que
acostumaba a coller o metro, pero que oíra perfectamente as
explosións.
As
mozas de Ialma empezaron a súa andaina musical no ámbito do Centro
Galego de Bruselas como un grupo de cantareiras
que acompañaban ós bailaríns e baseándose na tradición, aínda
que nos últimos tempos evolucionaron e engadiron estilos diferentes
e máis actuais. Por exemplo, un tema cantado orixinalmente en
francés traducírono ó galego.
Para
rematar, e por se aínda non expliquei ben a importancia destas
marabillosas e espléndidas voces, espero que axude moito á súa
importancia, á súa grandeza o dicir que tamén compartiron
escenario con Carlos Núñez, Mercedes Peón, Kepa Junkera, Eliseo
Parra, Arno, Zefiro Torna, Perry Rose, Philippe Catherine, Renaud e
Dulce Pontes, entre outros. Así é que, moito coidadiño!, que esta
xente xa teñen a súa entidade, xa son palabras maiores.
Café
Parderrubias de Celanova. Mércores, 13 de decembro de 2017
Publicado
en La Región o
venres, 12-01-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario