martes, 16 de enero de 2018

O SANTIAGO PEMÁN DAQUELES TEMPOS

Aquel que queira facerse notar, adoita telo fácil: todo consiste en soltar algunha parvallada e quedar tan pancho. E faise desde que o mundo é mundo. Hai xente que esbardalla porque xa naceron así. Chega entón un momento en que xa o ven tan simple que saben seguro que convencerán ós demais sen grandes esforzos. E os demais tamén asimilan de tal maneira o proceder daqueles que ven o asunto como real, como auténtico, como crible.
Alá polo menos de maio de 1904 un vello labrego de Baños de Molgas prognosticou que desde o día 13 e ata o día 20 do mes das flores habería fortes xeadas que, para máis carallos, causaríanlle graves prexuízos ás viñas. E quedou tan pancho. Para saír tal predición nos xornais daquela época é porque a xente cría nesas cousas. Por outra banda, tal nova faime pensar que o Santiago Pemán daqueles tempos estaba a prognosticar o clima da provincia ou de toda Galicia, pois que eu saiba, en Baños de Molgas, nunca tiven coñecemento de que houbese viñas. Parras si; parras tiñan practicamente todas as casas. Pero as chamadas viñas... non sei. De todas formas o labrego sentenciou e punto.

Finca Fierro. Martes, 16 de xaneiro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario