Moita xente imaxina as
guerras como campos de batalla entre trincheiras e foxos, entre medos e
ansiedades. Pero unha guerra, calquera guerra vai moito máis alá dunhas balas
disparadas e dunhas bombas lanzadas. Hai, o que se lle chama, secuelas das
guerras. Que moitos, sen comelo nin bebelo ou simplemente porque pensan
distinto, pagan nas súas carnes ese desatino, esa insensatez. Unha guerra, calquera
guerra sempre será unha estupidez. Moitos seguirán pagando coa vida moito máis
alá de transcorrida a propia conflagración. No noso país sabémolo ben; en
algúns lugares foi peor a posguerra que a propia contenda. Remata esta e en vez
de chegar a calma asoma de novo o inferno.
Moita xente imaxina que
a Guerra Civil Española tan só se desenvolveu por Madrid, o Ebro, Cataluña e
para de contar. Case se pode dicir que en Galicia, por exemplo, non nos tocou a
contenda. Falsa afirmación ou dedución! A Guerra Civil Española abarcou todo o
territorio nacional, incluída Galicia, e aínda que as trincheiras foran as
menos, as ideas, envexas e odios afloraron por todos os recantos das aldeas e
do que é peor: das familias. Empezaba a época na que se fixo usual, tráxica e
imperativa a frase “pasados polas armas”.
Xa desde as primeiras
semanas da asonada militar do 36, a prensa franquista preparaba os bandos de
guerra co ánimo de demostrar que as cousas ían en serio, co ánimo de meter
medo. Se era preciso matar, matábase. E vaia se asomou o medo! E vaia se se
matou!
No concello de Baños de
Molgas pasaron polas armas, que eu saiba, a tres e pegáronlle o “paseo” a
outros tres, que vén a significar o mesmo: a morte. Os executados era ante un
paredón (nestes casos no Campo de Aragón de Ourense, xunto ó mosteiro de San
Francisco) e os “paseados” asomaban polas cunetas ou polos camiños do concello.
Gabriel Barrio Gómez
era natural de San Pedro de Ribeira. Traballaba no ferrocarril e cando tiña 35
anos collérono para xulgalo en Ourense por rebelión militar (é dicir, imaxino
que por “roxo”) co resultado de sentenza de morte. Pasárono polas armas nese
Campo de Aragón o 27 de marzo de 1937.
Serafín Pousa Prol
nacera en Almoite no 1889 e polos mesmos motivos do anterior fusilárono no
mesmo lugar o 31 de decembro de 1936. Vaia noitevella para a familia! Tiña 47
anos. Era xastre.
A Arturo Salgado Villar
pasoulle o mesmo o 30 de xaneiro de 1938, e tamén no Campo de Aragón e por
rebelión militar. Nacera en Xocín facía 42 anos. Tamén era obreiro do
ferrocarril.
Imos con máis mortos,
cos “paseados”, cos que se demostra que a conciencia da maioría dos humanos era
e é efémera. Porque creo que é moito peor, que causa peor impresión un
“paseado” que un fusilado. A este, aínda que sexa nunha fosa común, entérrano;
pero o paseado queda abandonado coma os cans e a familia sen saber del. A
xente, aínda que o saiba ou aínda que o atope, fai coma que non o ve. Por medo.
Porque saben que moitas veces os que son tirados ás cunetas é precisamente para
meterlle medo ós demais, para que vexan o que pode pasar se comungas doutra
maneira.
Eustaquio Barrio Díaz,
de 40 anos, de San Pedro de Ribeira. Muiñeiro. Morto o 3 de setembro de 1936,
no muíño de Baños de Molgas a causa “da revolución”. Proceso incoado en Ourense
por rebelión militar o 13 de maio de 1937 co resultado de declaración de
rebeldía.
Camilo Bóo Enríquez, de
Calvelo. Labrego. Tiña 43 anos cando morreu o 6 de decembro de 1936 no hospital
de Ourense a causa de contusión cerebral. É dicir, que o deixaron como o
deixaron. A un labrego, que estaría máis pendente das súas vaquiñas que de
rebater as ideas doutros.
E aínda que non aparece
nos papeis que tiven a man para esta pequena reportaxe (e que quede como
homenaxe ós caídos polas súas ideas), sei por veciños molgueses que a Jaime Cid
González, natural de Xocín, tamén o pasearon pola carreira das Lagoas da propia
vila de Baños de Molgas.
Non falo dos que
estiveron en prisión e dos que foron xulgados porque son abondos e o espazo do
xornal é o que é. Mais creo que tampouco é necesario para demostrar que os
campos de batalla das guerras realízanse en calquera recanto das conciencias.
Chega unha simple contra de pareceres para que uns e outros nos pasemos polas
armas, para que o Campo de Aragón fose o lugar apropiado e elixido no que
rematar esas ideas contrarias a quen ten o poder.
Eu Ourense houbo tamén
moitos outros lugares onde foron asasinados moitas persoas durante aqueles días
de dominio fascista, como foron O Cumial, o Alto do Furriolo, a curva das
Revendeitas, por A Gudiña e Viana, a ponte de Castrelo de Miño (da que me falou
e me fala moitas veces o sogro) desde a que tiraban ós condenados coma
monicreques. Creo recordar que a un, porque non se soltaba do pernil, chegaron
a cortarlle as mans. Ou sexa, a barbarie das guerras.
Café O Chicote da
Valenzá. Venres, 8 de decembro de 2017
Publicado en La Región o
sábado, 05-01-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario