lunes, 15 de enero de 2018

NIN DO SANTO NIN DA VELA

O sol quería acocharse xa polo outeiro de Brandín, pero a Cadrolón Mascuno Sabiñago non lle preocupaba. Levaba tempo xa sentado no mazadoiro da burga e coa ollada perdida no horizonte, en calquera horizonte, pois mirase para onde mirase, non vía; simplemente deixaba a ollada fixa e, ale, a que pasase o tempo. Cadrolón Mascuno ni agarraba do santo nin tiña man da vela. Non facía nada. Non se centraba en nada. O rapaz estaba un pouco ido. Porque era un rapaz. Un rapaz pobre, pero rico en accións, en xestos e en simpatía. Mais hoxe... pobre rapaz!
O sol xa se deitou polo outeiro de Brandín e unha ambulancia pasou a fume de carozo con dirección a Maceda. Pois nin isto fixo que Cadrolón Mascuno Sabiñago desviase a ollada do horizontes, de calquera horizonte. Seguía sentado no mazadoiro da burga, e de paspán. Pero o rapaz non era un paspán. Abofé que o sei eu, que por iso son o seu veciño. Pero hoxe recoñezo que nin agarra do santo nin ten man da vela. Non sei que lle pasa. Ó mellor aféctalle a luz da lúa vella. Está moi chea.

Finca Fierro. Luns, 15 de xaneiro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario