sábado, 30 de enero de 2021

A ARTE DE MORRER

Non todos sabemos morrer ben. Creo que para morrer ata cómpre arte. Eu aínda non morrín (e sei seguro que vou tardar moito en facelo), pero se por un casual me imaxino morto, sei que vou deixar na postura toda a arte que me alcance. Non é o mesmo morrer coa lingua fóra, por exemplo, que ben deitadiño. Non é o mesmo morrer cun berro seco ou moi longo que cun suspiro harmonioso. A arte de morrer ten o seu aquel. Si, todo nesta vida ten o seu aquel, pero ante a morte... ante a morte hai que saber comportarse, carallo. Que só se morre unha vez na vida! Non vos deixedes enganar con iso da resurrección.


Gustaríame morrer escoitando a banda sonora de “Baixo o fogo”, de Jerry Goldsmith, sobre unha cama ben xeitosiña e con medio sorriso nos beizos. Un sorriso moi aberto, neses momentos, tampouco procede. Nin unha mirada retranqueira. Si, case mellor que me pechen os ollos, que non os teño verdes.

A arte de morrer haina que trasladar tamén ó velorio. Ben vestidiño, ben teso, ben ríxido, ben estirado e cos pés xuntos. Vou ter o problema das uñas, que as mordo, pero para que lle pagamos ó embalsamador?, que me poña unhas postizas ou luvas. Ou se non que mas tape cun libro sobre as mans. Xa que tanto me gusta ler... A arte de morrer consiste tamén en facelo con sentidiño e sen chamar moito a atención, que, despois, no velorio, só latrican. O día que morra fareino así, con arte.


Finca Fierro. Sábado, 30 de xaneiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario