domingo, 17 de enero de 2021

O VINGADOR SEN PIEDADE

Teño pouco máis de media hora para vingarme de quen me fixo mal. E alguén me fixo mal. Hai uns días, cando pola noitiña se me deu por dar un paseo por unha corredoira moi escura, alguén (ou algo) me asustou de tal maneira que me dixen que me tiña que vingar. Niso estou. Ou sexa, que estou intentando buscar con que vingarme. Se compro unha pistola e lle pego un tiro a ese alguén ou a ese algo, ó mellor é peor o remedio que a enfermidade. Que me poden levar preso, entendedes? Se lle pego un cantazo, pois máis ou menos o mesmo. Rexo, rincho os dentes buscando algo, unha forma, unha acción coa que me poida vingar. Pero en quen me vingo? Se non vin quen me asustou. Se foi un raposo, vai detrás del, como diría aquel. Se foi un ser humano, ponte a pescudar. E calquera volve por alá; a buscar pegadas, a buscar un aire que me poida facer intuír quen puido ser. Ademais, pasados xa uns días, que por se fose pouco, nevou e fixo moito aire; as posibles pegadas xa nin existirán.


Para sentirme moi fracasado, é dicir, un cero á esquerda, empezo a facerme a idea de que quen me asustou foi un animal. Non quero ter bullas ou algaradas coa xente; a ver se me quero vingar e, por enriba, levo unha marimba ou malleira. Si, cada vez estou máis convencido de que foi un animal. Non obstante, non quero ter piedade: marcho para o lugar dos feitos (co rabo entre as pernas, iso si, e co medo no cu) e cando dou co sitio en concreto, ármome de valor e cuspo por toda a contorna. A base de cuspe e desprezo noto, síntome ese vingador sen piedade que me presumía ó principio. Tampouco quero que pensedes que son un cagadiño, un covarde.


Finca Fierro. Domingo, 17 de xaneiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario