lunes, 25 de enero de 2021

MÁIS ALÁ DA AVENTURA

Máis alá da aventura quizais non haxa nada. E para que se queren máis cousas? Co bonito que é a aventura en si. A aventura é ese camiño descoñecido polo que se perde un unha e outra vez e no que a ansiedade pon os nervios a flor de pel. Súase de angustia, pero séguese buscando a meta final. Máis alá da aventura queda ese silencio cansado pero cheo de nostalxia. Desa nostalxia coa que iniciamos a novela da nosa vida, o cume ou o curuto da nosa existencia. Máis alá da aventura espera Miles Davis.


Sento ó pé dun carballo e inicio a miña aventura co soño esperto e co corazón latexando frenético. Todo vai e vén ata que asoma o atranco que non me quere deixar seguir. Pestanexo. Suspiro. Abro o ollo esquerdo. Penso. E déixome elevar por enriba do obstáculo. Sorrío e sigo voando. A aventura ten árbores e lameiros, penedos e salgueiros, mosteiros e tempo, moito tempo.

Máis alá da aventura queda unha tarde enteira, na que a ledicia dun poema está nos versos que se soñaron... esperto. Todo está no salouco dun instante, no impo dun momento. Máis alá da aventura está o silencio. Está o xemido de perder a esencia e o retallo que lle botamos á infancia.

Ergo de onde o pé do carballo e camiño polas aventuras da miña memoria que, como as de todos, son moitas; unhas máis sinxelas que outras e outras máis longas que unha novela. Cruzo con calma o camiño despexado e sei que máis alá da aventura está o descanso do guerreiro. Máis alá da aventura queda tan só a música de jazz.


Finca Fierro. Luns, 25 de xaneiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario