jueves, 14 de enero de 2021

A MULLER DE FOGO

A muller de fogo non botaba lume polos ollos. Simplemente que ardía de desexo baixo unha nube branco de algodón. A muller de fogo era, en por si, toda fogo. Fogo era o seu sorriso e fogo era a súa mirada. Queimaba a ansiedade de quen a mirase. Eu mirábaa, e deixábame cego. E queimábame as entrañas. A muller de fogo ardía ante un espello envolto no bafo dun sentimento. Escoitaba a Pink Floyd e cimbrábase baixo un camisón branco no que se marcaban as formas da súa ascensión. A muller de fogo era un espírito libre que interpretaba a súa película. Eu era o espectador que a vía no cartel cinematográfico. Bailaba á sombra dun balcón e de cando en vez das súas mans saían lapas de felicidade.


A muller de fogo non abrasaba a ninguén, pero si quentaba cando me achegaba suavemente a ela. Na distancia, xa os nervios se contraían ante aquel corpo que zumegaba paixón. Despois, si, o seu sorriso xa me derretía. E non me importaba entón abrasarme coma se fora no inferno. Ás veces, para vencer a vergonza, púñame a bailar un tema de Tom Jones, por exemplo; ela abría a boca en sinal de pasmo, de abraio, e era como se abrise a porta da miña esperanza. A muller de fogo era a Veronica Lake que todos soñamos. Non botaba lume, pero facía suar ante as imaxes da memoria. Porque hai imaxes que nunca se irán da memoria. Nunca.

A muller de fogo deixou de asomar ó balcón, recolleuse e a tardiña, pouco a pouco, refrescou. Tan só o desexo seguiu fervendo durante un tempo. Mellor dito, durante moito tempo.


Finca Fierro. Xoves, 14 de xaneiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario