viernes, 15 de enero de 2021

A HEROICIDADE DOS CATIVOS

Desde que empezou a pandemia da Covid-19, o mundo encheuse, por desgraza, de mortos e, por sorte, de heroes. Heroes que van desde os sanitarios ata o propio Dúo Dinámico co xa pesadiño “Resistirei”. Hoxe en día, sanitarios á parte, hai outros heroes espallados por todo o territorio: os nenos, os estudantes. Pois desde que abriron de novo os colexios, institutos, academias e universidades teñen que estudar coas ventás abertas e con temperaturas, en algúns casos, de varios graos baixo cero. Non quero pensar como o tiveron que pasar esa semana da famosa Filomena. Cando eu me sento ante o ordenador durante unha ou dúas horas, por veces, noto como me arrefrían os pés e a pesar de estar a calefacción acendida. Que lles pasará a eses cativos que se teñen que tirar seis ou sete horas cos pés sobre unhas baldosas e coas ventás abertas? De auténtica heroicidade o que están aguantando. Así un día detrás de outro.


Ante tanta frialdade, dáralles a cabeciña para pensar nos estudos, para asimilar a materia que lles estará explicando o profesor? O pensamento non estará máis ben nesa dor de pés ou nese bater de dentes ou nese “pinguel” que cae do nariz? E con que comodidade poden escribir se están completamente pexados polos abrigos e chaquetas e cazadoras e ata poida que mantas que botan para evitar o tremelicar dos seus corpiños? Cando ás dez e media da noite chega o meu rapaz de 20 anos á casa, váiseme a alma ós pés ó ver como chega. Imaxinade a eses cativos de tres o cinco ou dez anos... Así é que, nestes casos, clases virtuais, pero xa!


Finca Fierro. Venres, 15 de xaneiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario