sábado, 16 de enero de 2021

QUEN MATOU Ó ASASINO?

Ás tres da tarde o fillo da Petanca atopou un cadáver na carreira das Lamas. Era o do asasino Silabario Cristobo, que andaba fuxido da xustiza desde facía dez días. Ás tres e dous minutos chamáronme por teléfono. Porque son algo así coma o Leo Caldas de Baños de Molgas. Hai uns anos, o concello díxome que lles botara unha man en cuestións da lei e da orde. Eu nin son detective, nin policía, nin tan sequera periodista, ou sexa, nada de nada; tan só me gusta ler novelas policiais. E digo eu sería por isto, se pensarían que valería para resolver crimes ou agravios.


Achegueime ó lugar dos feitos, a ver se cazaba algo. O cadáver presentaba un forte golpe na cabeza, máis en concreto na testa. Mal asunto. Collín unhas follas verdes esparexidas á beira do corpo de Silabario e dúas plumas de ave tamén moi achegadiñas ó corpo. Marchei correndo a analizar isto ó laboratorio que teño na palleira onde gardo a herba seca e os aparellos de labranza. Sen presumir, un pequeniño CSI.

E si, de algo me ten que valer o ler novelas da serie negra: axiña me fixen unha película na cabeza. O asasino (que matara á filla do Cornabois), ó sentirse acosado na persecución que lle estaban a realizar, quixo refuxiarse subíndose a un amieiro. Ós poucos metros de altura espantou a un gaio (de aí as plumas) e, este, ó mesmo tempo, espantou a Silabario que se foi dereitiño ó chan, golpeándose coas gallas (de aí as follas) e dando finalmente coa testa nunha pedra en pico e moi afiada que sobresaía bastante do chan. Ó asasino non o matou ninguén. El mesmo atopou o seu castigo, a súa condena. Agora o concello quere poñerme unha placa conmemorativa. Onde se viu outra!


Finca Fierro. Sábado, 16 de xaneiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario