jueves, 28 de enero de 2021

SÁLVATE SE PODES

O incendio era devastador e case se pode dicir que arrodeaba todo o monte no que se atopaban certos animais pequenos e algún que outro grande. Todos estaban a darlle cebo ós pés ou a marchar coma o peido do cu. Quen máis rápido corría era unha lebre que, a maiores de correr, choutaba por entra as toxeiras con tanta elegancia que ata daba gusto mirar para ela. Cando chegou a un claro do monte freou con forza, con tanta forza que ata foi un bo cacho arrastro, porque divisou a unha tartaruga. Olláronse unha e outra vez. Tiveron as súas conversas porque eu notaba como movían as cabezas e a lebre cando cansou de falar díxolle ó sapoconcho: sálvate se podes e agora... bícame no cu que teño paxariños. Pegou un brinco e seguiu fuxindo coma quen leva o demo detrás. Polo baixo íase rindo da pobre tartaruga.


O pobre sapoconcho, con toda a súa parsimonia, miraba para os choutos da lebre e deixaba escapar un sorriso medio ladeado. Este, pasiño a pasiño, e sen medo ante o incendio, achegouse ata unha boa charca que había a uns dez metros. Ó chegar á súa beira, e sabendo xa que estaba fóra de perigo, que cando chegasen as lapas, tan só lle quedaría o deixarse caer na charca, seguiu a contemplar a desesperación da lebre porque por moito que corría, non lle quedaban moitos sitos nos que acubillarse. Puxo voz de tenor e foi agora el o que lle berrou á lebre: sálvate se podes, e tamén me podes bicar o cu que teño paxariños. Coa lentitude propia dun sapoconcho deixouse afundir na lama, no bulleiro da charca. E agora que arda o mundo!

Finca Fierro. Xoves, 28 de xaneiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario