domingo, 10 de enero de 2021

ESTRADA Ó INFERNO

Ás veces chovía. Por veces nevaba. O frío facíao sempre. Pero aínda así collín a estrada ó inferno. Non sempre é bo quedar parados e esperar a velas vir. Que as cousas ou veñen tarde ou veñen mal ou nunca veñen. Así é que boteille peito e emprendín o camiño. De primeiras xa me atopei cun pardal que me mirou mal, de mala maneira. Souben ó instante que non tería un momento de respiro. Pero os heroes respiran sempre. Os heroes se non respiran tamén afogan coma calquera. Había que respirar e respirei. É dicir, seguín.


A estrada ó inferno está chea de coios. Tan chea que moitas veces non sabía moi ben onde poñer os pés. Porque, para máis aquel, eu ía descalzo. A ver, completamente descalzo non ía; levaba unhas zapatillas tan gastadiñas que é coma se fora descalzo. Só tiña medo se pisaba algún toxo.

De segundas, atopeime co Evaristo, que é coma se me atopara co propio inferno. E non porque sexa mala persoa, non; senón polo que esbardalla, polo que fala... que lle mata a cabeza a calquera. Pero como xa o vira ó lonxe, pouco a pouco puxen cara de ferreiro e cando cheguei á súa altura el ben apreciou que eu non estaba para parolas. Soltámonos uns simples ola-ola e cada un seguiu o seu camiño; el logo torceu por un camiño que había á esquerda e eu seguín por esa estrada ó inferno.

De terceiras, e en menos que canta un galo, ou sexa, nun alustro cheguei ó inferno. Era lume! Había lume por todos os lados. Pensei que me abrasaría, pero os heroes non arden. Os heroes tiran cara á adiante.


Finca Fierro. Domingo, 10 de xaneiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario