miércoles, 13 de enero de 2021

INTERCEDENDO POLOS ANXOS CUSTODIOS

O outro día collín a estrada ó inferno. Á volta alguén me preguntou que había alá, que acontecera. E que ía haber... moito lume. E, claro, como non, atopeime co demo, con Lucifer, co diaño, con Belcebú. El tamén botaba lume polos ollos. Pero non me achantei. Hai que lembrar que eu era un heroe e que os heroes non arden. Saudeino coma se non fora o demo. El, é certo, tamén me contestou de boas maneiras. Axiña vin que, ante unha columna de lume, tiña presos ós Anxos Custodios. Recoñezo que naqueles momentos nin eran anxos nin, pos suposto, custodiaban nada. Eran uns individuos que semellaba que estaban alí de prestado. Pero presos, iso si.


A ver, por que tes a eses presos aí?, pregunteille ó demo. Porque non custodian nada, contestou rapidamente. Ando polas vosas vidas como Pedro pola súa casa. Por certo, se volves algún día por aquí atoparaste tamén con San Pedro. A ese téñolle unha sorpresa. Espera, que vou poñer música. E non vai o tipiño que botaba lume polos ollos e pon nun casete a Los Canarios cantando “Get On Your Knees”. Deixoume pampo, claro. Non recuei, non retrocedín e pedinlle con moita calma que soltara ós Anxos Custodios. En principio negouse, pero ó dicirlle que non me fixera volver por medo a atoparme con Evaristo (o que fala polos cóbados) e ante a promesa de que el, o demo, sempre estaría dentro de nós, deixounos libres. Aquí enganeino coma a un cativo; el sempre está dentro de nós. Desde que temos algo de coñecemento, levamos o demo dentro. Tampouco está tan mal; é un bo amigo. Ás veces é bo facerse o duro nesta vida. Para que non abusen...


Finca Fierro. Mércores, 13 de xaneiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario