miércoles, 27 de enero de 2021

O DEFUNTO

Dálle, Señor, o descanso eterno e que brille para el a luz perpetua. Descanse en paz. Amén. Quedei coa boca aberta e co medo no corpo. Porque eu oía esa oración pero non vía a quen se dirixía. O defunto, o morto estaba na leira de Outeiro Miau de Imaro Saleste, veciño de Nocelo. Non obstante, Imaro Saleste, o fillo dos Carallás, non podía ser porque me cruzara con el á saída de Baños de Molgas, máis en concreto nas curvas da Pontella. O que dicía a oración tampouco era don Landelino, o crego que levaba as parroquias da contorna. Unha ladaíña que volvín escoitar por dúas ou tres veces máis antes de chegar ó lugar dos feitos.


No lugar dos feitos estaban congregadas varias persoas e algún que outro animal, chámanse burros e cadelos. E todos, absolutamente todos (animais incluídos) mirando para un recanto da leira, que estaba chea duns piornos grandes e vellos. Non fun quen de preguntar por culpa da ansiedade que me oprimía o peito. A ver, eu tiña un pouco de aprehensión: un eido meu lindaba co dos Carallás e iamos a el bastante a miúdo para mirar polo millo que lle botaramos este ano. Así é que tirei para adiante ata penetrar mesmo no pequeno bosque de piornos, sen importarme o que murmuraban os demais.

Agora fun eu o que recei un dálle, Señor, o descanso eterno e que brille para el a luz perpetua. Porque alí, ante os meus pés, estaba o corpo sen vida dun ser estraño que ninguén coñecía. Para min que era un alieníxena, pero non quixen alarmar á parroquia con contos doutro mundo. Démoslle terra para non descubrir o percal. Non queremos que ninguén incomode a nosa pachorra.


Finca Fierro. Mércores, 27 de xaneiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario