domingo, 10 de enero de 2021

A VELOCIDADE DA TERRA

Tiñamos que multar ó planeta Terra por ir á velocidade de 107.280 quilómetros por hora. Iso é unha animalada! Imaxinade que a esta velocidade colle por aí a un meteorito ou algo semellante... É que o esnafra por completo! A quen se lle ocorre correr tanto. Cando corro eu por un outeiro abaixo penso que me vou escarallar (e non pasarei de dez quilómetros por hora); seguro que me mareo ou que boto os fígados se me vexo facéndolle pantalla ó noso planeta. E mira que parece pasmón, que non se move, que está sempre quieto. Tan só de cando en vez (ó mellor quizais demasiado a miúdo) treme ou rebenta por algún lado; pero non me imaxinaba eu que fora a esas velocidades. Vin correr a Usaín Bolt e pensaba que era o máximo. Como tamén vin a un bilbaíno correr detrás dunha gacela, darlle alcance, collela á carreira, poñela por debaixo do brazo esquerdo e seguir correndo coma unha frecha, ou sexa, máis rápido que a propia gacela, pero, claro, era un de Bilbo. Alá se me foron todos os plans cando lin no xornal que o noso planeta corre a esas velocidades. E non hai ninguén que o multe.


Agora tócame investigar que para que corre tanto, que para onde vai; se estamos igual de perdidos por este universo inmenso. Vaise asemellar ó centeo, que corre, corre e nunca encobre. Teño que contactar axiña co meu amigo alieníxena para advertirlle da situación. A ver se se vai cruzar no camiño da Terra sen unha ruta preestablecida e o machaca vivo. A 107.280 quilómetros por hora! Que barbaridade!


Finca Fierro. Domingo, 10 de xaneiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario