miércoles, 20 de enero de 2021

A SANTA COMPAÑA GALÁCTICA

Xa están aquí! Eu sabía que non tardarían. E non vos deixedes enganar. Falan de que foi unha pedra cósmica ou un bólido luminoso o que atravesou a nosa provincia, pero é mentira. Xa están aquí! E asegúrovos que non é o meu amigo extraterrestre, porque este non volverá a visitarme ata o 2024. Seguro que son outros alieníxenas. Eu, por de pronto, marcho para o Outeiro do Corno a instalar un canón de raios láser. Non é por nada, pero a min esa xente non me pillará desprevido. Digo o de xente pola costume. Ó mellor son uns bichos ou uns animais ou uns seres vivos en forma de carballos, por exemplo, que, para máis aquel, serán capaces de disparar belotas. E aseguro que unhas belotas a esas velocidades que se adoitan dar polo espazo sideral poden deixarche un buraco enorme na cabeza. Así é que, por un se acaso, tamén furgarei un túnel atómico no mesmo Outeiro do Corno. Non sexa o demo.


Xa están aquí! Por un lado, é certo que teño ganas de que cheguen, aínda que só sexa para saber como serán. Ás veces dáseme por pensar que poden ser como a Santa Compaña. Non sei... unha Santa Compaña espacial ou galáctica. Anda que como aterren aí na Chaira de Vide e sexan igualiños a ese séquito, a ese cortexo, é que me cago polas pernas abaixo. Non queda outra que apurar en construír o refuxio atómico. Pero, aseguro, que antes de meterme a el, uns cantos saberán como as gasto co meu canón de raios láser. Por certo, apodereime deste a semana na que rodaron unhas escenas os da Guerra das Galaxias, entre Barricobos e a Tapada Nova. Xentiña, facede o que eu fago: non vos deixedes enganar e refuxio atómico decontado, que xa están aquí.


Finca Fierro. Mércores, 20 de xaneiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario