jueves, 24 de junio de 2021

15 MINUTOS DAN PARA MOITO

Sei que agora a maioría da xente bota man dos móbiles para realizar certas anotacións, ou axiña lle dan á cámara para que queden rexistrados sen moito traballo aqueles titulares ou asuntos que interesan cando estás lendo un periódico, por exemplo. Eu, que queredes que vos diga, sigo de carroza e comigo anda sempre un bolígrafo colgado do peito (porque as malditas camisas de punto non teñen bolso ningún) e un pequeniño caderno feito, iso si, con papel reciclado e coas medidas a xeito de que, este, si, me colla no peto de atrás do pantalón. Porque ás camisas de punto xa dixen o que lles faltaba e as outras, as normais, algunhas tampouco teñen bolso, ou se o teñen é tan raquítico que está tan só de adorno.


Explicado o asunto, comunico, revelo, anuncio, informo, transmito que se me acumulan as anotacións sobre o que, día a día, leo nos xornais. Aquilo que me chama moito a atención ou que me sorprende pásoo inmediatamente a ese pequeno caderno coa intención de, nese mesmo día ou nos vindeiros, desenvolvelo nun Pingas de Orballo. O que pasa é que, despois, e acostumado ultimamente a escribir nas terrazas dos cafés, de camiño a estes (e como vou sempre andando, uns 15 minutos de andaina) ocórrenseme outras cousas que acabo plasmándoas no papel, nun caderno normal. Ás veces só se me ocorre unha frase, ou escoito o verso dunha canción, ou algunha palabra que dixo alguén e 15 minutos, pensando, dan para moito. Logo dos dous ou tres sorbos do café xa está todo máis ou menos planeado, polo que ó momento disparo pingas de orballo sobre o caderno.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 23 de xuño de 2021

Finca Fierro. Mércores, 23 de xuño de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario