miércoles, 16 de junio de 2021

O SOL DE EVA MARÍA

Dicían aqueles naqueles tempos que Eva María marchaba buscar o sol á praia. Eu de rapaz atopábao nos lameiros dos Lamas e do Río Vello, nas leiras das Costelas e de Tallós, e nos terreos das Cortiñas e das Lameiras. De mozo, a maiores de atopar o sol neses lugares e en algúns máis de Baños de Molgas, tamén me abrasaba pola estrada que vai a Os Milagres, máis en concreto, lendo pola zona da Pitediña e Entrelorríos. Non necesitaba praia para poñerme coma un pote.


De adulto farteime de tomar o sol na Costa da Gándara, unha viña de case unha hectárea, que foi o meu sustento e o meu calvario, ou a miña escravitude. Por sorte ou por desgraza sempre tiven onde buscar o sol e onde tomalo. Ata en Madrid había zonas ou sitios para poñerme moreno, e a pesar de que en Madrid non hai praia. En Ourense tampouco a temos, pero varias veces ó ano sempre alcanzamos as temperaturas máis altas de España.

Si, de adulto conseguín ir á praia varios veráns. Certo que ía sempre poucos días, pero tampouco necesitaba moitos máis. Eu xa estaba cheo de sol, farto de sol e de suar a causa da Costa da Gándara. Agora, con isto da pandemia, levo dous anos sen buscar o sol na praia. Non me preocupa moito; coa idade voulle perdendo interese e coa costume de ler por fóra, andando ás veces ó sol, xa me é suficiente para seguir o ritmo do verso ou da canción de Eva María. Así tampouco teño que preparar a maleta de pel e o traxe de baño (non uso bikini) a raias.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 16 de xuño de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario