martes, 29 de junio de 2021

AS PETICIÓNS DE MAN

Declaréilleme á muller noutros tempos e de forma normal; quizais coa cara colorada e cos nervios a flor de pel. Penso agora que ó mellor fixen mal, que tiven que declararme tirándome desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas, a uns 30 metros, e xusto no momento de cando se entra no atrio co san Salvador chegado da procesión do 6 de agosto; para que me vise a xente. Ou lanzándome en parapente desde o Outeiro do Corno. É que agora todo o mundo se declara de tal maneira que creo que se anda a unha loita por saber cal é a forma máis esperpéntica.


Sinceramente, cústame moito asimilar iso de pedir a man en actos públicos e de maneiras que, ás veces, se saen da lóxica. Somos tan egocéntricos que, máis alá do noso, non pode haber nada. E temos que estar por encima de calquera en todo. Ou sexa, chamar a atención, aínda que fagamos o ridículo. Nun campo de fútbol, por exemplo, fincamos os xeonllos sobre un chanzo, esperamos a que nos enfoquen os medios, abrimos os brazos en plan de súplica (ou de crucifixión) e pedimos un si quero. De verdade, teño ganas de ver unha negativa para ver que cara se lle queda ó pasmón.

Pobriño, dirán algúns, se a quere será un pau a súa negativa. Se a quere penso que hai outras formas ou maneiras de pedirllo. Creo que é unha ocasión especial, moi íntima e moi súa. O público das bancadas non creo que se vaia meter nas súas vidas. É máis, á maioría nin lles importará o devir da parella. Pero hai que chamar a atención.


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 29 de xuño de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario