sábado, 12 de junio de 2021

NON TIÑA INTENCIÓN DE...

Cando viña para acá, ou sexa, para onde estou, un refacho de vento pegoume no peito e un golpe de calor case me queimou a cara e as ganas. A verdade é que non tiña intención de saír, para non facelo tan cedo, xa que logo hai que ver o Nadal-Djokovic, pero por medo a que me caia a casa encima, pois boteime fóra. Tampouco tiña intención de escribir, pero... que fago?, contemplo como pasan os coches?, miro como roldan as pombas polas terrazas a ver se cazan algunha que outra faragulla de bica ou de galleta?, préstolle atención ás parvadas que din algúns? Si, mellor é escribir para entreter a mente noutras cousas e non escoitar tanta burrada.


Claro que hoxe a mente tan só se me vai a esas dúas criaturiñas de Tenerife. Non me saen da cabeza. A este respecto direi que o pai das mesmas non levaba o demo dentro... el era o demo! Hai que ser ruíns e desalmados e bestas e monstros e canallas e miserables e crueis para vingarse desa maneira da súa ex parella. Que culpa tiñan as neniñas! Realmente non teño palabras para describir toda a pena que me dá esa barbaridade.

Mellor escribir sobre a semifinal de Roland Garros entre os dous mellores tenistas que hai hoxe e sobre o inicio da Eurocopa 2020 ás nove da noite co partido Italia-Turquía. O que significa que toca televisión desde a media tarde ata a noite pecha. E a ver se con eses dous eventos non penso tanto neses anxiños que un malnacido guindou ó mar.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 11 de xuño de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario