miércoles, 2 de junio de 2021

A VIDA É ISO

Case sempre digo que a vida é unha bágoa e dous sorrisos. Menos mal que uso ese case. Porque a verdade é que a vida é algo máis. É, por exemplo, coma un asubío no medio dunha canción e quedar coma se un fora Ennio Morricone. A vida é contemplar o universo desde a terraza dun café, ou estar de paspán esperando que todo cambie cando se sabe que nada cambia. A vida é mirar sen ver e quedar en silencio. Ás veces tamén é ese proído que se ten nas partes baixas e non queda outra que rañar o desexo de tantas ansias. A vida é ese lóstrego que brilla e ese trono que estoura, como tamén é a calma logo da tormenta. A bágoa é esa que se solta, que se deixa caer porque, algunha que outra vez, hai moito ruído, demasiado ruído. Os sorrisos son por ti e por min, por aquel e polo de máis alá; porque a vida é un camiñar, curto ou longo, pero, se o intentamos, simple e sinxelo.


Escribir diante dunha cunca de café é vivir. Escoitar temas musicais a moreas é vivir. Saber que ó pasar a curva segue o camiño, é vivir. A vida é botar pasos para adiante e aínda que de cando en cando haxa que botar algún cara atrás; a meta sempre estará ó final. A vida é coma o equilibrio sobre o raíl da felicidade. Agora cada quen que lle busque tres pés ó gato para saber se a vida é un ir e vir para, á fin, quedar quietos. A vida é facer unha finta no medio e medio do atallo para non pisar e esmagar a lagartiña que está a tomar o sol. Tamén ela ten a súa vida e merece vivila. A vida é iso: vivir. Vivamos.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 2 de xuño de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario