martes, 22 de junio de 2021

CAMIÑO DE REDENCIÓN?

Collín medo dunha nube negra e arrodeei, arrodeei moito para ir polo sol, por onde daba o sol. Xa sei, todos sabemos que o medo é libre, pero aínda así quedei algo preocupado; porque terlle medo a unha simple nube negra é un asunto serio. Non é común. E non é polo que poida traer consigo a nube, ou sexa, que descargue tronos, alustros e auga a mares, senón por algo descoñecido que intúo, que me dá coma un presaxio. Os tronos; sempre me divertín co ruído dos tronos; canto máis fortes, máis emoción. Ás chispas ou alustros ou lóstregos ou relampos é certo que lles teño respecto, pero de aí a medo vai todo un mundo, toda unha feira. A auga a mares; non pode ser moita dunha simple nube negra. Pero collinlle medo e arrodeei.


Arrodeei tanto que cando me decatei xa nin vía a maldita nube. Para min que me perdera. É raro que me perda, porque sempre me deixei orientar pola inercia e a ollo. Orientándome a ollo son un artistiña. Como tamén se adoita dicir: onde poño o ollo, poño a bala ou o que me dá a gana. Total, que peguei voltas e reviravoltas sobre min mesmo, chegando incluso a facer o pino, e non houbo maneira: a nube negra non asomaba por ningún horizonte.

Deixoume tan intrigado a cuestión, que volvín sobre os meus pasos, sobre as miñas mesmas pegadas e cando cheguei ó lugar de onde partira, axiña a vin; alí estaba. E agora, non sei por que, xa non lle tiña medo. Acaso realizaría eu un camiño de redención?


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 22 de xuño de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario